sexta-feira, 25 de abril de 2008

Sempre 25 de abril


O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na Guerra Colonial. Considérase, en termos xerais, que esta revolución devolveu a liberdade ó pobo portugués (denominándose "Día da Liberdade" ó día conmemorativo instituído en Portugal para recordar a revolución). A revolución debe o seu nome á reacción popular, que repartiu caraveis ós soldados e estes os puxeron nos canóns das súas armas, simbolizando o seu apoio á revolución.

(tirado da wikipedia-galipedia)

quinta-feira, 17 de abril de 2008

Dia mundial da Loita Campesiña


O 17 de abril foi declarado Día Internacional da Loita Campesiña durante a Segunda Conferencia da Vía Campesiña en Tlaxcala, México, en recordo do masacre de 19 campesiños sen terra do Movemento de Traballadores Rurales Sen Terra (MST) en Brasil o 17 de abril de 1996.

Nos tempos que corren, deberíamos ter máis conciencia social e apoiar éste tipo de actos, e sobre todo, apoiar o sector primario, xa que é do que vivimos tod@s.

O Coto do Frade organiza unhas charlas e máis cousas o dia 18 de abril, a partir das 20:30 h, no Aljama.

quarta-feira, 16 de abril de 2008

O embalse de Castrelo (antes de)



Hoxe lembreime da foto de Castrelo antes de construírse o embalse, busqueina en internet e aquí está.

O embalse foi construído nos anos 60, baixo mandato de Franco.

Éstas son verbas de José Posada, nun artigo titulado "O Miño , pai do viño":
"A historia máis recente de Galiza decidíuse polos quilovátios en prexuízo do viño. A presa de Castrelo anegou as mellores terras de Galiza."



segunda-feira, 14 de abril de 2008

As dúas marías


A estatua das Dúas Marías está situada na Alameda de Compostela, e é ben coñecida por todos.
Pero tal vez non coñezamos a súa historia:
Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, foron dúas mulleres que en plena ditadura escandalizaban os poderes estabelecidos coa súa actitude provocadora e as súa roupa de cores. Na mente de todos ficaron como dúas tolas, pero detrás de todo iso hai unha historia de represión política na guerra e na postguerra.
Saían a pasear todos os días pola zona vella ás dúas da tarde ('as dúas en punto', así chamábanas). O xeito en que ían vestidas, con cores moi vivas, era todo un espectáculo para a época, sobre todo tratándose de dúas mulleres, e sobre todo tratándose de Compostela, que, nos anos 50 e 60 era unha cidade moi gris, en moitos sentidos, e entre a cor da pedra e que a xente ía vestida de negro e gris, de maneira moi austera, daba a impresión de ser unha cidade moi triste. Elas dúas eran a cor nese mundo gris.
A verdadeira razón de por que vestían así, ou se estaban tolas ou non, só o saben elas. Pero hai unha serie de feitos históricos que de seguro influíron.
Na familia Fandiño Ricart eran once irmáns, e cando menos tres deles eran militantes moi destacados da CNT en Galiza, tan destacados que un deles, Antonio Fandiño, chegou a ter responsabilidades moi importantes na CNT a nivel estatal durante a guerra. No 36 un dos irmán foi paseado, e outros dous fuxiron e estiveron agachados durante anos, sendo finalmente detidos e encarcerados.
A policía presionounas moito a elas dúas, para que revelasen onde se agachaban os seus irmáns. Foron torturadas pola policía, e dise que unha delas foi violada no Pedroso. Pódese entender que en parte a súa 'loucura' ou a súa actitude estraña partise de aí, ou tamén poderiamos pensar que a 'loucura' fose simplemente un disfrace que elas usaban para sobrevivir nesa situación tan dura. Había unha represión directa, e había outras formas de represión; elas eran costureiras, pero despois da guerra as familias 'ben' de Santiago deixaron de facerlles encargos, por pertencer elas á familia á que pertencían, por pertencer aos vencidos.
Despois da Guerra vivían moi mal, pero ían aguantando grazas á caridade e á axuda de moitas persoas da cidade. Pero era un tipo de caridade moi particular: porque non estaba ben visto darlles publicamente unha axuda, e porque elas non a aceptarían, entón a xente deixáballes cartos en comercios da cidade. E así deberon subsistir ate que morreron, nos anos 80.

Tirado do Vieiros de hoxe.
http://www.vieiros.com/nova/65827/as-duas-marias-unha-vida-de-resistencia-fronte-a-represion-franquista