segunda-feira, 14 de abril de 2008

As dúas marías


A estatua das Dúas Marías está situada na Alameda de Compostela, e é ben coñecida por todos.
Pero tal vez non coñezamos a súa historia:
Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, foron dúas mulleres que en plena ditadura escandalizaban os poderes estabelecidos coa súa actitude provocadora e as súa roupa de cores. Na mente de todos ficaron como dúas tolas, pero detrás de todo iso hai unha historia de represión política na guerra e na postguerra.
Saían a pasear todos os días pola zona vella ás dúas da tarde ('as dúas en punto', así chamábanas). O xeito en que ían vestidas, con cores moi vivas, era todo un espectáculo para a época, sobre todo tratándose de dúas mulleres, e sobre todo tratándose de Compostela, que, nos anos 50 e 60 era unha cidade moi gris, en moitos sentidos, e entre a cor da pedra e que a xente ía vestida de negro e gris, de maneira moi austera, daba a impresión de ser unha cidade moi triste. Elas dúas eran a cor nese mundo gris.
A verdadeira razón de por que vestían así, ou se estaban tolas ou non, só o saben elas. Pero hai unha serie de feitos históricos que de seguro influíron.
Na familia Fandiño Ricart eran once irmáns, e cando menos tres deles eran militantes moi destacados da CNT en Galiza, tan destacados que un deles, Antonio Fandiño, chegou a ter responsabilidades moi importantes na CNT a nivel estatal durante a guerra. No 36 un dos irmán foi paseado, e outros dous fuxiron e estiveron agachados durante anos, sendo finalmente detidos e encarcerados.
A policía presionounas moito a elas dúas, para que revelasen onde se agachaban os seus irmáns. Foron torturadas pola policía, e dise que unha delas foi violada no Pedroso. Pódese entender que en parte a súa 'loucura' ou a súa actitude estraña partise de aí, ou tamén poderiamos pensar que a 'loucura' fose simplemente un disfrace que elas usaban para sobrevivir nesa situación tan dura. Había unha represión directa, e había outras formas de represión; elas eran costureiras, pero despois da guerra as familias 'ben' de Santiago deixaron de facerlles encargos, por pertencer elas á familia á que pertencían, por pertencer aos vencidos.
Despois da Guerra vivían moi mal, pero ían aguantando grazas á caridade e á axuda de moitas persoas da cidade. Pero era un tipo de caridade moi particular: porque non estaba ben visto darlles publicamente unha axuda, e porque elas non a aceptarían, entón a xente deixáballes cartos en comercios da cidade. E así deberon subsistir ate que morreron, nos anos 80.

Tirado do Vieiros de hoxe.
http://www.vieiros.com/nova/65827/as-duas-marias-unha-vida-de-resistencia-fronte-a-represion-franquista

Nenhum comentário: